Wednesday 08 de May de 2024

O outono protagoniza a nova festa temática da Pequetroula na Pobra


Novo mes, programación nova. A Pequetroula continúa co fervedoiro de actividades amenas e creativas dirixidas á rapazada de 3 a 14 anos, tanto da Pobra do Caramiñal coma doutros municipios. Esta fin de semana focalizarase no outono, polo cal as propostas para os días 5 e 6 seguirán esta temática: pintacaras, obradoiros de diversa índole, inchables e castañas cocidas.

O horario establecido para os sábados é de 11.30 a 14.00 e de 17.30 a 21.00 horas, mentres que para os domingos está definido dende as 12.00 ata as 14.30 horas. O epicentro é o toldo instalado na praza Alcalde Segundo Durán.

Para acceder a este servizo é necesario presentar un bono Pequetroula que se pode conseguir a través da web www.deanshop.es ou presencialmente na oficina do turismo, con atención ao público de luns a venres, de 09.30 a 14.30 horas. Tamén se poden obter na propia praza media hora antes do inicio de cada sesión.

Posteriormente, o bono poderase trocar en numerosos comercios e locais hostaleiros da vila que contan co distintivo. Deste xeito, o uso do espazo lúdico acaba saíndo de balde e invístese nos establecementos de proximidade.

O prezo destes bonos por sesión distribúese da seguinte maneira: na quenda de mañá, 7 euros pola entrada dun/dunha cativo/cativa; pola tarde, 10 euros; e, coa opción de mañá e tarde, 15 euros. A contía total verase rebaixada pola participación de irmás e irmáns e será de balde para o/a terceiro/a.

Esta campaña impulsada pola Concellaría da Promoción Económica, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), une o fortalecemento do sector comercial coa conciliación, contando coa colaboración do DEAN.shop eCommerce e da Asociación de Empresarios. Desenvólvese nas fins de semana comprendidas entre a de 8 de outubro e 18 de decembro, atendida por monitorado e especialistas en distintas materias.